REIVINDICACIÓNS DESDE O COLECTIVO DE PROFESIONAIS DA NARRACIÓN ORAL ANTE A CRISE PROVOCADA POLO COVID–19
descargar en pdf | castelán – catalán – eúscaro |
PREÁMBULO
A narración oral está considerada pola UNESCO Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade. O colectivo de narradoras e narradores orais profesionais traballa ao longo do ano para levar os contos contados a todos os recunchos deste país, desde os grandes teatros en cidades populosas ata escolas unitarias en lugares de poucos habitantes, desde bibliotecas empeñadas en manter viva a palabra falada cunha programación continua, ata os grandes eventos e festas da narración oral que convocan milleiros de persoas e que se celebran de ano en ano.
Esta é unha actividade artística de proximidade, humilde e de fonda tradición que se soubo adaptar aos cambios e ás circunstancias a pesar do seu carácter efémero e fráxil. Con todo, a crise provocada pola pandemia do Covid-19 preséntase coma unha seria ameaza para o noso oficio.
Non supuxo só o cese da nosa actividade no inicio da nosa tempada alta, senón que nos aboca a uns meses sen posibilidade de traballar e, por riba, de obter ingresos. Nestes momentos, as previsións máis optimistas (unha vez coñecido o plan de desescalada do Goberno) para a volta con certa normalidade, ao noso traballo, falan do último trimestre do presente ano, pero a aparición de novos brotes pode alongar os ceses ou o traballo precario ata mediados ou finais de 2021. É moito tempo, demasiado. Sen unhas condicións mínimas, cando todo isto pase, este colectivo de profesionais da narración oral podería quedar moi esgotado ou, directamente, podería ter desaparecido.
Por este motivo elaboramos o presente documento que inclúe unhas propostas económicas que consideramos básicas para a supervivencia das narradoras e narradores orais profesionais.