castelán – inglés – catalán – eúscaro
Europa!
Onde enceta Europa? Onde remata? Que fronteira, que pobos, que cordilleiras a limitan? Teríamos que chamala Europa como a chaman en Suecia? Ou, seica, Europe como lle din en Inglaterra? Ou Evropa como en serbocroata? É Europa un signo de separación ou máis ben unha promesa de apertura, unha abertura xeográfica, económica, política? Defínese Europa polo que nos diferenza ou polo que nos fai iguais, polos nosos desexos ou polos nosos temores? E, por que, por todos os deuses, Europa leva o nome dunha princesa fenicia?
Sexan cales sexan as respostas a estas preguntas, unha cousa é certa: as historias levan viaxando desde sempre ao longo de Europa, sen precisar pasaporte nin visado, traendo consigo aquilo que necesita ser contado e compartíndoo xenerosamente con todos aqueles que quixeron escoitalo.
Mais, se ben as historias non teñen fronteiras, si teñen raíces, poderosas raíces, raíces que poden ser de dous tipos: das que penetran profundamente na terra ou das que a sucan expandíndose ao longo da superficie. As raíces da narración oral comparten estas dúas características, penetrando profundamente na cultura na que naceron, pero apertan tamén outros xeitos de comprender o mundo, medran noutras terras, adaptándose á lingua local e a todo o que a arrodea.
A imaxe anterior ten que ver coa terra, pero para expresar ese expandirse sen límites das historias poderiamos atopar outras metáforas:desde sempre as historias sucaron os mares da man de mariñeiros e aventureiros porque os contos son quen de fluír como a auga; tamén poden volverse aire e hálito e ser cantados dun lugar a outro; mesmo poden acender como as linguas de lume da referencia bíblica ou aquela imaxe carnavalesca dos comefogos. Por poñer máis exemplos, entre os maias, e no sistema ideográfico chinés, falar represéntase como lume cuspido pola boca.
En definitiva, por mar, por aire, por terra, por lume, as historias sempre percorreron os camiños que articulan Europa. Moitos eran vías de peregrinación, outros, rutas comerciais. O certo é que por toda esa enleada de sendas correron os contos construíndo un repertorio europeo común que chegou ata os nosos días. Seica todo isto non forma tamén parte da identidade cultural que compartimos?
Presentámosvos a continuación un novo número da revista dixital El Aedo denominado Lugares europeos de conto. Un ponto de partida para a elaboración dun mapa europeo de narración. Nel recollemos os datos, as características e as iniciativas que promoven organizacións de 20 países europeos. Un dos nosos obxectivos é amosar o momento de auxe e expansión no que, cremos, se atopa inmersa a narración oral actualmente. A partir deste número, o número dobre 5 e 6 da revista, propuxémonos a creación dun proxecto visual co mesmo nome consistente na elaboración dun mapa que sitúe e dea cabida á narración oral en Europa (podes ver como estamos traballando niso). Nel recolleríanse as asociacións, organizacións, festivais e publicacións que aparecen na revista, amais das diferentes áreas de traballo que se veñen desenvolvendo en cada país. O mapa estaría aloxado na web de Aeda en dúas linguas, español e inglés, o que permitirá organizar e localizar a información desexada dun xeito máis sinxelo, ao tempo que facilitará a ampliación e actualización dos contidos.
Os mapas veñen de se converter nunha peza fundamental das nosas vidas, nunha axuda inestimable, nunha fonte de información integral para o noso día a día. Máis aínda, os mapas culturais ofrécennos a posibilidade de comprendermos e viaxarmos mentalmente a través da arte, a historia, e a identidade dos nosos pobos converténdose nunha ferramenta imprescindible para desenvolver e reforzar a nosa comunidade.
AEDA (Asociación de Profesionais da Narración Oral en España), en coordinación con FEST (Federation European of Story-Tellers), preséntanvos esta vista panorámica da narración oral europea. Esperamos que vos resulte de utilidade á hora de encarardes futuros proxectos e sexa quen de promover colaboracións entre os membros desa rede de camiños e contos que chamamos Europa.
Se aínda descoñeces o renacemento da narración oral, este pode ser un primeiro achegamento. Se es narrador oral, este pode ser un xeito de te poñeres en contacto con compañeiros de profesión. Así que, sexa cando sexa e esteas onde esteas, simplemente déixate levar e segue a sinxela presada de palabras arreboladas ao vento polos narradores orais de este a oeste, de norte a sur. Todo o que precisas é boca e orellas. Oxalá este mapa te sirva de guía para atopares os “Lugares europeos de conto”!
Comisión de Contenidos de AEDA y FEST´s Executive Committee
El Aedo 5/6: "Lugares europeos de conto"