Oleiros é un concello costeiro, limítrofe á cidade da Coruña, cuns 34.000 habitantes distribuídos de forma moi dispersa en nove parroquias. Posúe un Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais formado por unha Biblioteca Central, sita en Perillo e sete bibliotecas auxiliares localizadas en Santa Cruz, Oleiros, Mera, Dorneda, Nos, Lorbé e Montrove nas que o fomento da lectura é un dos seus elementos clave. Para atraer a toda a poboación planifícanse ao longo do ano diferentes actividades de promoción da lectura e de extensión cultural entre as que podemos destacar: a hora do conto;  clubs de lectura de adultos/as; encontros con autores/as; obradoiros de teatro; talleres e recitais de poesía; club de lectura xuvenil; presentacións de libros; obradoiros de ilustración; talleres de banda deseñada; exposicións e mostras bibliográficas; guías de lectura; obradoiros de creación literaria; conferencias; colaboramos coa radio municipal nun programa semanal denominado “Todo está nos libros”; a Campaña de Promoción da Lectura, dirixida exclusivamente ao alumnado dos centros de ensino público deste concello, con contacontos e diferentes actividades de narración oral; “Ler para saber” que son charlas e talleres de divulgación científica nos que os conferenciantes participan de forma altruísta e totalmente gratuíta etc. A través das novas tecnoloxías pretendemos chegar a máis persoas polo que creamos un blog e temos a páxina web onde figuran todos os datos das bibliotecas, horarios, servizos, catálogo, préstamos, reservas, renovacións, actividades, etc. Para a consecución dos obxectivos programados en cada unha destas actividades, ademais do bo facer de todos os profesionais que as levan a cabo, é primordial a colaboración dos pais e nais,  dos equipos directivos, profesorado e alumnado dos centros de ensino público deste municipio, así como dos socios e socias das bibliotecas. 

Partimos de que as bibliotecas deben asociar a lectura con actividades agradables e queridas, proporcionar encontros positivos cos libros, fomentando o interese polas palabras e as súas ilustracións, por iso intentamos presentar a biblioteca como un lugar atractivo e alegre, onde se poden pasar momentos agradables, pretendemos que os nenos e nenas descubran ou aumenten o pracer pola lectura, que vexan os libros como algo ameno, cos que poden pasar bos momentos, ao mesmo tempo que se instrúen e amplían os seus coñecementos. A lectura é unha gran aventura que comeza na infancia e non acaba nunca, pero o hábito de ler non se improvisa, hai que infundilo para que estea sempre presente nas nosas vidas. Non se nace lector ou lectora senón que se vai facendo un pouco a pouco, gradualmente. Os pais e nais deben traer os nenos e nenas ás bibliotecas dende as primeiras idades, debido a que o papel da familia na promoción da lectura é fundamental porque é a primeira entidade coa que vai ter contacto o neno ou nena e onde primeiramente se vai desenvolver.

A actividade da hora do conto que se leva a cabo nas oito bibliotecas municipais consiste na narración ou dramatización dun ou varios contos, cun enfoque lúdico e unha vivencia activa cos libros. Realízase dende hai máis de vinte anos, dunha forma continuada e estable, desenvólvese ano tras ano como consecuencia do seu recoñecido valor lúdico e educativo, que reside, fundamentalmente, no incentivo á lectura dos máis pequenos. As sesións dos contacontos teñen o valor engadido de que inciden no poder da imaxinación e na importancia da tolerancia nas relacións persoais. Diríxense a partir dos dous anos e pensamos que o camiño cara á lectura non se debe iniciar como o coñecemento dunha técnica, que é algo posterior, imprescindible, pero posterior, senón como un hábito de contar historias, mirar libros, observar imaxes, etc. Se se ofrecen bos libros, historias interesantes, cunha linguaxe axeitada, fermosas ilustracións e unha presentación atractiva, a lectura converterase para eles nunha experiencia única e satisfactoria que quererán gozar unha e outra vez. O neno ou nena vivirá intensamente as historias, contos, cancións ou poesías que comprende, que lle causan emoción, asombro, risa e sobre todo pracer, polo tanto é responsabilidade dos pais, nais, escola, biblioteca, etc. estimular neles esa relación coa palabra e coa lectura. Contarlles ou lerlles contos é un dos medios máis eficaces para propiciar o achegamento aos libros. Cremos que este feito debe estar acompañado dun clima apropiado, os contos deben estar ben seleccionados e que sexan axeitados á súa idade e comprensión. Consideramos que o verdadeiro gusto pola lectura se asimila mellor nas primeiras idades, é un hábito que se vai adquirindo paulatinamente, polo que é fundamental que se estimule aos nenos e nenas dende pequenos e vexan nos libros un compañeiro/a ou amigo/a como pode ser o máis prezado xoguete.

Tomando como punto de partida a narración de contos e historias, a relación pracenteira cos libros, o xogo cos personaxes de ficción, resáltase o valor da palabra, xunto coa articulación de diferentes disciplinas artísticas como a plástica, a música e a expresión corporal, tendo en conta que en todas as historias aparece un mundo de imaxes, un mundo sonoro e un mundo de xestos e accións.

Para a nena e neno pequeno a palabra oída exerce unha gran fascinación. O conto ou a poesía incorpórano a unha cultura que lle pertence, fano partícipe dunha creación colectiva e outórganlle signos de identidade. O libro oído, visto, tocado, como lectura compartida con outras nenas e nenos, axudaralle no seu contacto coa letra impresa, motivando unha lectura gozosa.

A través do universo máxico dos contos desenvólvese a imaxinación, a fantasía e a capacidade de fabulación de quen escoita. Trátase de espertar unha sensibilidade que faga descubrir o pracer que pode proporcionar a lectura, que os nenos e nenas vexan que tamén se poden divertir e pasar momentos moi agradables cos libros. 

Entre os obxectivos que se pretenden conseguir son: promover o pracer pola lectura; formar lectoras e lectores; que as nenas e nenos aos que xa lles gusta ler afiancen e consoliden este hábito; que se divirtan escoitando contos e que descubran a diversidade dos libros. Comprender, divertirse e reflexionar son os tres principais puntos en que se basea esta actividade.

Realizamos unha programación para os meses de febreiro a maio (no caso concreto deste ano son sesenta sesións) e outra desde outubro a decembro, aproximadamente unhas corenta sesións máis, cun total dunhas cen actuacións ao longo do ano. Lévanse a cabo periodicamente (semanal,  quincenal ou mensualmente) dependendo do tamaño de cada biblioteca.

Na Biblioteca Central Rialeda organizamos, durante varios anos, dúas sesións ao mesmo tempo: unha para nenas e nenos menores de 6 anos e outra para maiores de 6 e daba moi bos resultados, pero ultimamente a raíz da crise económica, tivemos que volver a unha única sesión semanal.

As contadoras e contadores como Soledad Felloza, Paula Carballeira, Andrea Bayer, Pablísimo Sánchez, Ramiro Neira, Marisa Irimia, Pavís Pavós,  Fran Ínsua, Pedro Brandariz, Inés Cuadrado, Caxoto, Raquel Queizás, Carmen Domech, a Compañía Trinke-Trinke cos “Ratos da biblioteca”, a Compañía Migallas, a Tropa de Trapo, Fátima Fernández, Raquel Méndez, etc. contaron contos nas bibliotecas oleirenses. Hai contadoras e contadores que contaron en Oleiros e que co tempo cambiaron de nome como a Fada Rosada, a Fada das Neves, a Pardela Cincenta, o Golfiño Nina, O Gato Gatrolas, Catacrock, etc. 

Aparte destes contadores/as especializados, en ocasións tamén son os/as propios/as encargados/as das bibliotecas os que contan os contos, xunto coa realización de diversos xogos, como unha invitación a viaxar a un tempo máxico de fantasía e imaxinación.  

A forma de actuar é moi diferente, hai contadores/as que coa súa interpretación dan un agradecido toque de humor as súas historias; outros coa súa actuación e montaxes crean unha intriga e unha historia na que introducen os contos causando gran expectación; algúns propician unha actitude moi participativa entre os nenos/as  a  partir da creación dun conto sorpresa e a súa ambientación musical; outros incitan a súa curiosidade e a familiarización cos libros; algúns e algunhas coa súa actividade e dinamismo conseguen que participen tanto os nenos e nenas como os pais e nais, etc.

Ademais da actividade da hora do conto que se realiza fóra do horario escolar, tamén se organizan contacontos e actividades de narración oral durante o horario escolar, dentro das Campañas de Promoción da Lectura dirixidas ao alumnado dos centros de ensino público deste municipio e realizadas ininterrompidamente desde o ano 1989. Planifícanse anualmente tras a valoración positiva que nos manifestaron tanto o alumnado como o profesorado; prográmanse para educación infantil, educación primaria, E.S.O. e bacharelato, en función das solicitudes do profesorado, dentro do Programa de actividades para os centros de ensino público que se lles entrega a principios de curso e tense en conta a temática que estean a traballar no Plan Lector de cada centro.

Algúns dos obxectivos destas Campañas son: potenciar a asistencia ás bibliotecas municipais non só como lugares de estudo e consulta, senón tamén como centros de lectura lúdica; espertar o gusto pola lectura, de forma que vexan os libros como algo ameno, cos que poden pasar bos momentos ao mesmo tempo que se instrúen e amplían os seus coñecementos; achegarnos pola vía da animación aos sectores menos dados á lectura, a aqueles nenos e nenas que non senten ningún interese por esta; favorecer procesos de creación e expresión oral e escrita; promover a reflexión nos diferentes axentes educativos sobre a importancia dos libros de contos, narracións e historietas no desenvolvemento da imaxinación e creatividade dos nenos, nenas, adolescentes e mozos/as; fomentar unha lectura lúdica, crítica e reflexiva que os faga pensar e reflexionar como cidadáns máis libres e solidarios; vivir o libro en colectividade, enriquecéndose cunha lectura activa e participativa. Estas actividades están planificadas contando coa colaboración do profesorado e a través das escolas,  colexios e institutos intentamos chegar tanto aos que len, como aos que non o fan; aos que xa están introducidos na lectura pola súa familia, como aos que os seus pais ou nais nunca  ou case nunca lles leron un conto; aos que os traen habitualmente á biblioteca, como aos que non os traen. Interésanos traballar cos centros de ensino porque a través deles chegamos ao cen por cen do seu alumnado e cada ano, conseguimos atraer novos nenos/as e mozos/as como socios/as e usuarios/as das bibliotecas. 

Pensamos que se se ofrecen bos libros, historias divertidas e interesantes, cunha linguaxe axeitada, fermosas ilustracións e unha presentación atractiva, a lectura converterase para eles nunha experiencia única e satisfactoria que quererán gozar unha e outra vez. A lectura recreativa educa ao neno e nena, contribúe ao desenvolvemento da súa personalidade e prepárao para a vida. A biblioteca debe reforzar o papel da familia e dos educadores e educadoras contribuíndo a espertar a curiosidade polos libros, creará espazos e momentos de lectura  para que as nenas e nenos máis pequenos se acostumen a esa experiencia, a esperen e a reclamen. Debe ser un lugar de espallamento e cultura polo que se poden realizar as máis diversas actividades, pero sen esquecer que a súa función básica é a promoción da lectura, axudando a formar novos e mellores lectores e lectoras.

Por estas actividades, as Bibliotecas Municipais de Oleiros recibiron algúns premios entre os que podo destacar:

* Premio Nacional María Moliner, no ano 2011, na modalidade de concello de entre 20.001 a 50.000 habitantes, concedido polo Ministerio de Cultura, coa colaboración da FEMP e a Fundación Coca-Cola.

* Mención Especial do Premio Nacional María Moliner, na categoría de Animación á Lectura, nos anos 2008 e 2007.

* Premio Irmandade do Libro, nos anos 2012, 2009 e 1995, concedido por la Federación de Libreiros de Galicia.

AHoraDoConto Oleiros13

 

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
Bibliotecaria municipal
Biblioteca Central Rialeda
Avda. Rosalía de Castro, 227A
15172 Perillo - Oleiros (A Coruña)
Telf.: 981 63 95 11