castelán / inglés / catalán / euskera

 

A narración oral pode chegar a se converter nun formidable vector para o restablecemento da democracia, e iso por tres razóns principais.

1.- POLO SEU CONTIDO, xa que as historias falan do humano:

Os contos tradicionais abordan todas as cuestións que teñen que ver co individuo como parte da sociedade. Pero tamén se ocupan dos grandes interrogantes da existencia naquilo que se relaciona coa clave do misterio da vida, sen explicacións realistas e pesadas. Conectan, a través do simbólico, os soños, a poesía, cunha conexión realmente emancipadora, tanto dende o punto de vista da liberdade da imaxinación, como na comprensión dos mecanismos do desenvolvemento psicolóxico da persoa. O optimismo é obrigatorio: os nenos poden cambiar o seu destino aprendendo o que é bo para eles e o que se debe evitar.

Sexamos narradores ou sexamos oíntes, podemos, e debemos, desenvolver unha visión da vida baseada na solidariedade e a coraxe e con visión de futuro. Desta forma a aproximación ao conto pode ser realizada por cada un en función da súa propia lectura e de xeito ameno e emotivo. Como dicía o griott de Mali "Hampate-Ba": os contos divirten os nenos, os adultos reláxanse despois do traballo e fan filosofar ás cabezas canas. Noutras palabras, os contos poden reunir as tres partes que cohabitan dentro de nós mesmos: o afectivo, o lúdico e o cognitivo.

2. POLA SÚA FORMA, o conto é un motor do pensamento:

A construción narrativa, escénica e dramatúrxica é unha formidable panca de proxección do espectador que segue os esforzos e probas do heroe de xeito catártico, mantendo unha distancia cómplice e humorística na dramatización.

Desta forma o material das palabras permite unha multitude de interpretacións, desvíos, asociación libres propias de cada un, nunha especie de malentendido creativo... Podemos seguir a historia xuntos permanecendo en cadanseu camiño.

A narración oral responde a unha construción simple e eficaz dunha problemática enunciada claramente, seguida de consecuencias en cadea, que conducen a unha transformación...

Cando se desenvolve unha forma narrativa decatámonos de que o cerebro humano ten unha sorprendente capacidade multisensorial para sintetizar a información: unha situación cun personaxe, o desenvolvemento dunha busca, vaivéns e xiros, unha conclusión. Dende este punto de vista, o "storytelling" liberal estadounidense non se equivoca cando utiliza formas narrativas para contar historias (literal e figurativamente) na publicidade e a política, co fin de someter aos cidadáns-consumidores á ditadura dun proxecto ficticio de "vivir xuntos".

Mesmo se os contos poden adoptar diferentes formas dependendo de se se definen como marabilloso, de enxeño, conto río, lenda, epopea ou mito, o seu enunciado induce unha progresión cara ao logro dunha meta.

Proporcionan implicitamente unha estrutura para aqueles que os escoita.

3.- POLA RELACIÓN SOCIAL QUE PROPÓN

Podemos atraer a un espectáculo de contos a persoas que non irían ao teatro. E isto, en lugares como bibliotecas, casas de cultura rurais, en prazas das vilas, en casas particulares, cos mozos en barrios desfavorecidos, con anciáns, etc., e en lugares pouco adaptados á escena.

Esta proximidade permite restablecer o diálogo nunha comunicación simple, viaxar á "económica", apropiándose de imaxes propias. Creando sempre un intercambio de convivencia, tranquilo e relaxado, que desacraliza o papel do artista e favorece o reencontro.

A fraxilidade deste tipo de espectáculo, que se basea nun acordo coñecido e absoluto -"non hai nada, hai que imaxinar todo"-, é a súa forza... A complicidade do narrador co SEU público crea unha forma inmellorable para representar o mundo na súa complexidade, case sen medios. O imaxinario non ten límites, todo é posible... "Nós" podemos aceptar a idea, como nos soños, de atravesar o espazo e o tempo, voar, transformarnos, enfrontar imaxes fantásticas aquí e agora, sen artificios e sen movernos da cadeira.... Os narradores son unha especie de paracaidistas da cultura. Non fan ruído no concerto mediático dos "reality shows", pero a viaxe que propoñen grávase en nós de xeito íntimo e inesquecible. Calquera se pode atrever a contar coa súa forma particular de ser; os mozos, en particular, poden encontrar así un medio para se aproximaren ao artístico, para cultivaren a confianza en si mesmos e para se expresaren desenvolvendo a estupenda ferramenta da palabra en todas as súas formas.

Por último, nunha época como a nosa, onde a linguaxe se ve socavada (hexemonía da imaxe, simplificación das palabras convertidas en anuncios publicitarios, dominación cultural polos estándares formatados das industrias multinacionais), a oralidade dunha palabra compartida, fráxil, diversa, heteroxénea, ás apalpadelas, fantasiosa, de interpretación libre e máis alá do pensamento único, é unha alternativa crible e orixinal para salvagardar o humano, fóra do individualismo ao que o mundo mercantilizado nos propulsa de xeito programado.

Pepito Mateo
Director e Narrador Oral. Francia
Trad. Raquel Queizás